Publicado por: ceercomunicaciencia | 17/07/2012

A ESTACIÓN DE HIDROBIOLOXÍA “ENCORO DO CON” (EHEC) DA USC ORGANIZA UNHAS INTERVENCIÓNS DE VOLUNTARIADO NOS RÍOS ULLA E UMIA

Persoal especializado explicará as características da bioloxía dos peixes migradores en itinerarios guiados abertos e de balde

 A EHEC organiza os vindeiros 23 y 27 de xullo dúas intervencións de voluntariado coas que se pretende promover a participación en xornadas de actuación sobre presións locais significativas nos ríos Ulla e Umia de Galicia. Así mesmo, estas actuacións, previstas no marco do proxecto europeo MIGRANET, servirán para aumentar o grao de concienciación social sobre a conservación dos peixes migradores e do seu hábitat.

Así, realizaranse itinerarios guiados polos ríos Ulla e Umia para coñecer máis de preto a migración dos peixes, os obstáculos existentes, as zonas de desova e de repouso, a súa alimentación, etc. Para iso, facilitarase aos participantes diversos materiais educativos como pequenas guías para o traballo de campo.

A inscrición nas intervencións é gratuíta, ofrecendo unha opción de participación ambiental a todas as persoas interesadas maiores de 18 anos. A organización tamén facilitará a comida e o transporte así como a cobertura dun seguro de responsabilidade civil para os participantes, polo que esta iniciativa é un espazo idóneo para a educación, a comunicación e a acción socio-ambiental directa.

MIGRANET, cofinanciado polo Programa SUDOE a través de fondos FEDER da Unión Europea, ten por obxectivo central configurar unha estratexia de cooperación conxunta na obtención de datos sobre peixes migradores que permita coñecer o estado de conservación das súas poboacións, as presións existentes que actúan sobre estas e prever futuros escenarios de cambio ante as alteracións climáticas e non climáticas no espazo do suroeste europeo. Para acadar este obxectivo, estase a por en marcha un Observatorio das poboacións de peixes migradores do Espazo SUDOE que vele pola súa conservación e recuperación.

O proxecto, coordinado pola Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” da Universidade de Santiago de Compostela, conta tamén coa colaboración da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia – Norte de Portugal (F. CEER), o Institut National da Recherche Agronomique (INRA) de Francia, o Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade do Porto (CIIMAR) e, como asociado, o Aquamuseu do Rio Minho da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira.

Para máis información sobre os formularios de inscrición e as actividades do proxecto se pode consultar a páxina web: http://www.migranet.org.es ou ben poñéndose en contacto coa Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” no teléfono 986 56 56 40 e e-mail: ehecusc@usc.es


Deixar un comentario

Categorías