A mostra poderase visitar no Auditorio Municipal de Valga do 8 ao 29 de novembro
A Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con da USC, en colaboración co concello de Valga, desenvolverá dende este xoves 8 ao 29 de novembro no Auditorio Municipal do Concello de Valga unha mostra de divulgación sobre a bioloxía dos peixes migradores de Galicia como o salmón, o reo, a lamprea, a anguía, o sábalo e a saboga. A inauguración celebrarase este xoves 8 ás 11:30 horas e nos días sucesivos os horarios de visitas serán de 09:00 a 13:00 e de 16:00 a 21:00 horas. A entrada será de balde, coa posibilidade de concertar visitas guiadas de grupos contactando no teléfono 986.565.640.
O proxecto MIGRANET, cofinanciado polo Programa SUDOE a través de fondos FEDER da Unión Europea, traballa na configuración dunha estratexia de cooperación conxunta na obtención de datos sobre peixes migradores que permita coñecer o estado de conservación das súas poboacións, as presións existentes que actúan sobre estas e prever futuros escenarios de cambio ante as alteracións climáticas e non climáticas no espazo do suroeste europeo. Para acadar este obxectivo, estase a por en marcha un Observatorio das poboacións de peixes migradores do Espazo SUDOE que vele pola súa conservación e recuperación.
O proxecto, coordinado pola Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’, conta tamén coa colaboración da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia – Norte de Portugal (CEER), o Institut National da Recherche Agronomique (INRA) de Francia, o Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade do Porto (CIIMAR) e, como asociado, o Aquamuseu do Rio Minho da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira. Para máis información sobre as actividades do proxecto, as persoas interesadas tamén poden visitar a páxina web http://www.migranet.org.es.
Deixar unha resposta