Publicado por: ceercomunicaciencia | 19/11/2012

A Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ da USC debaterá cos axentes socioeconómicos a elaboración dun Documento Marco de Xestión dos peixes migradores de Galicia

No transcurso dunha xornada, encadrada no proxecto europeo MIGRANET, aberto á participación e incorporación de propostas de entidades e persoas implicadas na xestión e conservación dos peixes migradores

A Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con da USC, organiza o vindeiro día 1 de decembro unha xornada de debate para a elaboración dun Documento Marco de Xestión dos peixes migradores de Galicia. Esta é unha iniciativa que se encadra dentro do proxecto Migranet, cofinanciado polo Programa SUDOE a través de fondos FEDER da Unión Europea, para traballar na configuración dunha estratexia de cooperación conxunta na obtención de datos a longo prazo sobre peixes migradores.

Migranet permitirá coñecer o estado de conservación das poboacións destes peixes, as presións existentes que actúan sobre estas e prever futuros escenarios de cambio ante as alteracións climáticas e non climáticas no espazo do suroeste europeo. Ademais, para acadar o seu obxectivo, creouse un Observatorio das poboacións de peixes migradores do espazo Sudoe co fin de contribuír a súa conservación e recuperación e púxose en marcha unha rede de control formada por varios ríos de Portugal (Norte), España (Galicia) e Francia (Aquitaine).

Xustamente, o obxecto da xornada do próximo 1 de decembro é transferir os resultados obtidos polo Observatorio tras case dous anos de funcionamento e compilar propostas para a elaboración dun Documento Marco de Xestión e Conservación dos recursos que se editará e entregará á administración pública competente. O encontro diríxese a expertos, prensa especializada, grupos conservacionistas, asociacións de pescadores, axentes de turismo e todos aqueles axentes sociais implicados na xestión e conservación dos peixes migradores.

Programa

A xornada celebrarase en horario de 10.00 a 13.00 horas na aula Magna da Facultade de Bioloxía de Santiago, cun programa no que se discutirán temas relacionados coa xestión e conservación das poboacións de salmón, reo, zamborcas, anguía e lamprea dos ríos de Galicia. Os temas a tratar estruturaranse en temáticas como a calidade da auga e obstáculos á circulación fluvial; avaliación das poboacións e patoloxías específicas; xestión e lexislación da pesca fluvial; comunicación, divulgación e educación.

Migranet

O proxecto, coordinado pola Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ da USC, conta tamén coa colaboración da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia – Norte de Portugal (CEER), o Institut National da Recherche Agronomique (INRA) de Francia, o Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade do Porto (CIIMAR) e, como asociado, o Aquamuseu do Rio Minho da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira.

Para máis información sobre as actividades do proxecto tamén pode visitarse a páxina web http://www.migranet.org.es.


Deixar un comentario

Categorías