Publicado por: ceercomunicaciencia | 10/07/2012

A EPS de Lugo elabora as liñas prioritarias de actuación para o futuro parque natural da Serra do Courel

O documento foi encargado pola Consellería de Medio Ambiente e inclúe un centro de interpretación, o acondicionamento de rutas e un banco de especies ameazadas

Devesa da Rogueira

Un traballo codirixido polo catedrático de Produción Vexetal da Escola Politécnica Superior de Lugo Antonio Rigueiro e o profesor Manuel Antonio Rodríguez Guitián deu como resultado a elaboración das directrices estratéxicas de actuación para a Serra do Courel, de cara á súa próxima declaración como parque natural. “O obxectivo principal é xerarquizar os investimentos nesta área de cara á conservación dos valores naturais e o patrimonio cultural, ao tempo que se crea emprego, se frea o despoboamento e se incrementan as rendas e o nivel de vida dos habitantes”, explica Antonio Rigueiro. O traballo, encargado pola Consellería de Medio Ambiente, rematou hai unhas semanas e xa foi entregado ao goberno autonómico.

A declaración como parque natural da Serra do Courel é unha competencia da Xunta de Galicia, e todo parece indicar que esa é a intención a curto ou medio prazo. Segundo Antonio Rigueiro, “ estanse dando ou tense previsto dar pasos, prudentes e atinados ao noso entender, como a elaboración destas liñas prioritarias de actuación, medidas encamiñadas á concienciación e sensibilización dos veciños, o Plan Director da Rede Natura, a elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da serra ou a análise da posible localización do centro de recepción de visitantes e interpretación”. A previsión dos responsables deste estudo, á vista do apoio da Administración e o acordo cos veciños da zona, é que a declaración se produza na vindeira lexislatura.

A conversión en parque natural traerá consigo a elaboración dunha zonificación na que se definirán, por exemplo, áreas prioritarias de conservación (onde están os principais valores naturais e nas que as limitacións de uso serán loxicamente maiores), zonas de uso restrinxido e zonas de uso moderado (con limitacións menores), e zonas de uso xeral, nas que se poderán realizar todas as actividades tradicionais.

Segundo Antonio Rigueiro, “haberá algunhas limitacións, pero tamén compensacións: maior número de visitantes (e máis demanda para os establecementos de turismo rural), máis investimentos (é por tanto máis emprego), posibles subvencións directas polas limitacións, lucro cesante polo impedimento de cambio de uso de terreos… Os veciños deben entender que a súa galiña dos ovos de ouro son os valores naturais, paisaxísticos e culturais da serra, e deben ser os primeiros interesados en conservalos”.

Unha contorna sen igual

A Serra do Courel é un espazo privilexiado, con paisaxes espectaculares e unha elevada diversidade biolóxica, e con outros importantes valores naturais: especies vexetais e animais ameazadas, árbores monumentais ou bosques senlleiros (como moitos soutos de castiñeiros, faiais, ripisilvas, aciñeirais relícticos e “bosques de bosques” ou devesas, como a da Rogueira, a máis coñecida), pero tamén atesoura un notable patrimonio cultural: castros, mámoas, minas e acuedutos romanos, sequeiros de castañas, vivendas rurais típicas, igrexas románicas, etnografía, etnobotánica…

Posiblemente unha das maiores ameazas sexa a evolución demográfica, o despoboamento e envellecemento da poboación que supón a desagrarización e o abandono das prácticas agrogandeiras. Isto pon en perigo ecosistemas, paisaxes e especies asociados á actividade humana. Os soutos están ameazados por doenzas (como a tinta e, sobre todo, o chancro) e polo abandono dos tratamentos necesarios para conservalos e mantelos nun bo estado, o que pon en perigo de desaparición o patrimonio xenético das variedades courelás.

Outras ameazas son os vertedoiros incontrolados, os incendios forestais, as canteiras e o excesivo número de visitantes a algunhas paraxes: “Nós pensamos que a declaración de parque natural será positiva para a conservación dos valores naturais, culturais e paisaxísticos da Serra do Courel, e tamén contribuirá a crear emprego na zona, fixar poboación e mellorar o nivel de vida dos habitantes”, indica Rigueiro.

Actuacións derivadas

O documento entregado á Xunta de Galicia polo equipo de traballo dirixido por Antonio Rigueiro e Manuel Antonio Rodríguez Guitián inclúe unha serie de actuacións concretas, entre as que destaca a creación dun centro de interpretación e recepción de visitantes do futuro parque e centros de información. Segundo Rigueiro, “a nosa proposta é que, se é posible, o centro de interpretación se localice na Estación Científica do Courel da USC, para optimizar recursos e aproveitar as sinerxías entre o centro de interpretación e a estación”.

Outras medidas recomendadas polo estudo son a realización de traballos como cartografía de hábitats, análise do estado de conservación das especies e das principais ameazas (propoñendo plans de conservación cando sexan necesarios), análise da capacidade de acollida de visitantes do espazo natural, efectos dos tratamentos culturais sobre os hábitats de matogueiras secas e bosques, determinación do estado sanitario dos bosques, selección de rodais de árbores para recollida de semente e multiplicación vexetativa para realizar plantacións con material xenético da zona e o estudo de alternativas para o sector primario (cogomelos, pequenos froitos, plantas medicinais, plantas industriais, mel, sistemas agroforestais, agricultura e gandería ecolóxicas…).

Tamén se propón a renovación de copas dos castiñeiros, a creación de novos soutos con variedades do Courel, o aproveitamento micolóxico nestes ecosistemas, a erradicación de plantas invasoras (como a mimosa), a prohibición de poñer en marcha novas canteiras ou parques eólicos, así como actuacións encamiñadas á conservación e mellora da paisaxe (eliminación de vertedoiros, recuperación de canteiras inactivas, escombreiras e minas abandonadas, reconversión dos piñeirais en masas mixtas con coníferas e frondosas…), especialmente na contorna do tramo do Camiño de Santiago que atravesa a serra.

O documento recolle aínda outras directrices, como o acondicionamento das rutas de sendeirismo existentes e a posta en funcionamento doutras novas (evitando as zonas prioritarias de conservación), o deseño e execución do museo etnográfico do Courel, a restauración de elementos singulares de carácter etnográfico (fontes, lavadoiros…) ou vinculados a actividades tradicionais (muíños, alvarizas, sequeiros, ouriceiras…), a instalación dunha rede de caracterización e monitorización de hábitats e especies e, finalmente, a creación dun banco de xermoplasma de especies vexetais ameazadas e de variedades de especies froiteiras locais e de castaña.

Fonte: xornal.usc.es

Deixar un comentario

Categorías