Publicado por: ceercomunicaciencia | 14/05/2012

Unha boa alimentación supón o 50% dos triunfos dun deportista

 Imaxe

Segundo Jesús Bernardo, médico nutricionista do COE, convidado ao IV Congreso Internacional do Deporte “Un deportista que non teña unha alimentación adecuada, nunca terá éxito”. O encontro congrega a máis de 400 participantes de todo o mundo con 200 traballos de investigación.

“Un deportista que non teña unha alimentación adecuada, nunca terá éxito”. Así de contundente se mostra Jesús Bernardo García, médico nutricionista do Comité Olímpico Español, sobre a importancia da dieta nos programas de adestramento deportivo. Convidado ao IV Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Educación Física, que se inaugurou este xoves da man do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e de José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte, Bernardo García denuncia unha falta de formación dos profesionais do deporte no eido da alimentación “que non se decatan de que unha correcta nutrición supón o 50% dos triunfos”. 
No discurso de apertura, José Luis García Soidán, profesor da Universidade de Vigo e presidente do comité do congreso, salientou o carácter internacional do evento “contando con 400 participantes procedentes de Arxentina, Brasil, Colombia, Chile, Venezuela, México…”, mentres que Víctor Arufe, profesor da Universidade de A Coruña e un dos principais organizadores, fixo fincapé na gran produción científica “batendo récords con máis de 200 traballos de investigación a pesar desta actual crise social”. 

Un dos eixes principais deste IV Congreso Internacional do Deporte é o da nutrición, para o que se conta coa presenza de Jesús Bernardo García que mañá venres impartirá unha conferencia sobre a alimentación no deporte olímpico. Membro do COE, denuncia que a dieta do deportista segue a ser unha materia pendente nos programas de adestramento a pesar da cantidade de información dispoñible e dos esforzos dende as institucións por mellorar a formación neste eido. “Aínda hoxe en día, a alimentación é a Cenicienta dos adestramentos e aínda hai deportistas de alto nivel que non chegan a estar ben alimentados”, confesa Bernardo García, de aí que considere necesario seguir incentivando aos profesionais do deporte “para que tomen conciencia e tomen en consideración as repercusións dunha boa alimentación”.

Consumo excesivo das sustancias químicas

Aínda que cada deportista require unha dieta específica, unha boa alimentación conséguese cunha achega completa de todos os nutrientes “con incrementos puntuais de proteínas e hidratos de carbono segundo as competicións”, engade José Luis García Soidán, que tamén imparte un obradoiro sobre nutrición ao abeiro do congreso. Os dous expertos coinciden en que hai que desmitificar o consumo de sustancias químicas “con contraindicacións que poden pór en risco a saúde”, e todo o necesario para a alimentación “atópase na praza do mercado e non na farmacia”, engade Soidán. Unha das sustancias máis empregadas polos deportistas é a creatina, inxerida para lograr esforzos explosivos nun período curto de tempo. “Non se dan conta de que o seu consumo conleva grandes efectos secundarios, como a retención de líquidos ou insuficiencia renal, e que poden conseguir os mesmos efectos incrementando a dose de carne ou de pescado na súa dieta”, apunta Bernardo García. 

Este médico especializado en nutrición e dietética tamén explicará a evolución que as dietas dos deportistas sufriron dende os primeiros xogos olímpicos ata a actualidade e adianta que nas primeiras edicións, no 776 aC “a alimentación dos competidores era esaxeradísima con deportistas, como Milón de Crotona, que chegaban a comer 49.000 calorías ao día fronte ás 4500 que vén inxerindo un deportista de elite de 90 quilos hoxe en día”. Ata o sábado 12 de maio, un total de 12 conferencias completan as sesións teóricas inauguradas este xoves por Xosé Ramón Lete Lasa que debullou o Plan Galicia Saudable e outras políticas deportivas e a súa contribución “no rescate da sanidade pública”. Entre outros, tamén intervirán profesores de universidades brasileiras que afondarán na educación psicomotriz; Jesús Marque, xefe dos servizos médicos do Xacobeo Lobelle; Joaquín Dosil, profesor da Universidade de Vigo “con prestixio internacional no eido da psicoloxía deportiva” ou Francisco Ruiz e Onofre Contreras, profesores universitarios especializados na promoción do deporte en idades temperás. 

Obradoiro sobre moto acuática

Outro dos puntos fortes do congreso son os obradoiros impartidos por profesionais do deporte, “un dos apartados formativos de maior éxito do congreso”, aclarou o presidente do comité organizador. 12 talleres de tres horas cada un permitirán aos asistentes formarse en distintas especializades dende a aprendizaxe motora en nenos, pasando pola rehabilitación cardíaca, actividades recreativas, socorrismo ou prevención de lesións. Cobra especial importancia nesta edición o Taller de técnicas de rescate con moto acuática, “proposta que se estrea este ano para formar a profesionais interesados na vixilancia e rescate na auga”, salienta Roberto Barcala, responsable do curso. Desenvolverase na praia de Marín e completarase cun obradoiro sobre primeiros auxilios no que se ensinarán as principais manobras da RCP básica. “A diferenza do obradoiro de moto acuática que é moi especialista, o de primeiros auxilios debería ser imprescindible para calquera persoa xa que, aínda que non achega un título, si que facilita coñecementos básicos para intervir en caso de que ocorra algo”, engade o profesor Barcala.

Fonte: duvi.uvigo.es

Advertisements

Responses

  1. Materia muito importante que deveria ser lida por todos os responsaveis do desporto escolar e de clubes(sear possivel fazer divulgacao nesse campo, atraves canais oficiais do ensino e associacoes?).
    deus vos de gana de continuarem neste esforco de duvulgar boaciencia.

  2. Faremos divulgação mediante mailing masivo, mais nas redes sociais do CEER. Muito obrigado, António


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: