Publicado por: ceercomunicaciencia | 09/05/2012

O premio Nobel de Medicina Tim Hunt fala en Compostela de ciclo celular e cancro

O científico compartirá os seus coñecementos con diversos grupos de investigación da USC.

‘Ciclo celular e cancro’ é o título da conferencia pública que Tim Hunt, premio Nobel de Medicina en 2001, pronunciará este mércores 9, ás 20.00 horas na Cidade da Cultura, convidado polo Programa ConCiencia de Divulgación científica que convocan a Universidade de Santiago e o Consorcio da cidade. Tim Hunt foi recibido este martes polo reitor Juan Casares no seu despacho de San Xerome.

O profesor Tim Hunt, que visita Santiago apadriñado polo profesor da USC Anxo Vidal, comparte o Nobel co estadounidense Leland Hartwell e co tamén británico Paul Nurse polos seus descubrimentos nos reguladores chave do ciclo celular. Na actualidade Hunt desempeña a súa carreira profesional no Imperial Cancer Research Fund (Reino Unido).

Xuntanza con grupos de investigación
O mesmo día da conferencia, este mércores 9, Hunt impartirá ás 11.30 horas no edificio docente Novoa Santos do CHUS unha charla dirixida a persoal investigador sobre os mecanismos do control celular.

A continuación trasladarase ao CIMUS (Campus Vida) para manter diversas xuntanzas de traballo particulares cos grupos de investigación da USC punteiros no eido das ciencias da vida. En concreto, reunirase cos grupos de Oncoloxía Médica de Rafael López e Miguel Abal; de Química Biolóxica de José Luis Mascareñas e E. Vázquez; de Nanomedicina de Marcos García; de Estres celular, con Juan Zalvide e Celia Pombo; de Oncoloxía molecular, de José Costoya; de Neurobesidade, de Miguel López; e de Ciclo celular e oncoloxía de Anxo Vidal.

Tim Hunt
Hunt descubriu en 1982 unha proteína, chamada ciclina, necesaria para a división celular. As ciclinas están presentes en todos os organismos, dende as unicelulares levaduras ata os humanos, e funcionan a xeito dun reloxo que marca cando unha célula pode repartir o seu material xenético (na forma de cromosomas) entre as células fillas.

Este proceso é de crucial importancia en bioloxía non só porque controla cómo dunha única célula se poden orixinar as millóns de células diferentes que compoñen o corpo humano senón tamén porque se soubo que as alteracións nas ciclinas poden provocar a aparición do cancro.

Programa ConCiencia
O obxectivo de ConCiencia, programa iniciado en marzo de 2006 co científico suízo e Premio Nobel de Física en 1986 Heinrich Rohrer, é difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que propicia o intercambio de coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresaíntes do ámbito científico internacional.

A presenza en Compostela das máis eminentes personalidades da Física, a Química, as Matemáticas ou a Medicina -nestes seis pasados anos vinte premios Nobel, dous Abel e un Turing- débese en gran medida aos vencellos existentes entre o cadro de investigadores da USC e estes persoeiros.

Fonte: xornal.usc.es

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: