Publicado por: ceercomunicaciencia | 31/03/2011

Dous meses de conferencias para amosar como a química mellora a vida

Salustiano Mato inaugura as xornadas ‘A Química e as novas xeracións’

 15 investigadores vinculados coa Facultade de Ciencias presentarán as súas liñas de traballo

 

“Química somos todos e é o todo. A química resolve moitos dos nosos problemas e fai mellor a nosa vida, en contra do concepto pexorativo que se ten dela cando se fala contrapoñéndoa co natural”. Deste xeito resumía Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, unha das ideas que subxace trala organización das xornadas A Química e as novas xeracións, que desde esta semana acolle a Facultade de Ciencias do campus. Durante dous meses 15 investigadores novos exporán o seu traballo co gallo da celebración do Ano Internacional da Química.

Inauguradas oficialmente este mércores, contaron coa participación, ademais do reitor, de Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus; Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias, e Carlos Lodeiro, coordinador das xornadas. Durante a presentación, Mato salientou que estas conferencias “son tamén unha homenaxe aos novos investigadores” e convidou aos asistentes a “ler entre liñas” e apreciar a historia de traballo e esforzo que leva tras de si cada un dos novos investigadores que participarán na xornada.

Pola súa banda, Carlos Lodeiro fixo fincapé en convidar a todas as persoas interesadas, sexan ou non da comunidade universitaria, a achegarse ás conferencias, “deseñadas para abrir as portas do centro ao público en xeral e demostrar como os nosos investigadores poden transferir á sociedade todo o traballo que están realizando”.

De onde vimos?

Se o martes, a doutora Cristina Núñez foi a encargada de iniciar as conferencias falando da química supramolecular, tras a inauguración oficial este mércores tocoulle a quenda ao catedrático Juan Carlos Mejuto, que como docente do centro foi o encargado de dar resposta á pregunta Química: De onde vimos?

Na súa intervención Mejuto afondou nas orixes desta ciencia e na súa evolución, considerando que “a historia da química é moi parella á historia do home”. Deste xeito, comezou o seu percorrido a finais da prehistoria, cando, salientou, “é o momento no que o home empeza a empregar a química de xeito extensivo e aprende que mediante o emprego de diferentes técnicas e procesos podía variar significativamente os materiais”. Manipulando metais o home comeza a desenvolver “unha tecnoloxía química moi básica que é o principio da ciencia química”, destacou o profesor.

No seu percorrido polas orixes da química, Mejuto fixou a súa atención tamén no paso fundamental que se produciu arredor do ano 400 antes de Cristo, cando aos gregos “xa non lles chegaba con observar, senón que querían saber por que” e comezaron a afondar nos elementos que compoñen a materia e na súa modificación para transformar a materia.

As conferencias desenvolveranse ata o 26 de maio no salón de actos do Edificio Politécnico, salón que segundo anunciou o reitor na inauguración das xornadas pasará a chamarse Marie Curie, en honra á investigadora Premio Nobel de Química e de Física homenaxeada durante o Ano Internacional da Química.

 Fonte: http://duvi.uvigo.es

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: