Publicado por: ceercomunicaciencia | 03/03/2011

A práctica de actividades acuáticas ralentiza o avance do Parkinson

Investigadores da Universidade de Vigo analizaron a evolución dos pacientes que realizan estes exercicios.

Como complemento aos fármacos e ás intervencións cirúrxicas.

Aínda que xa se tiña investigado sobre os efectos positivos que o exercicio físico produce nos enfermos de Parkinson, nunca se valoraran os resultados de traballar con estas persoas nunha contorna acuática. O grupo de investigación Intervención educativa na actividade física para a promoción da saúde, formado polos docentes José María Cancela, Carlos Ayán e Natalia Abal, partiu deste punto para comprobar en primeiro termo se en efecto se podían realizar actividades na auga con este tipo de enfermos e en segundo lugar, o grao de mellora que implica a súa práctica. Tras o estudo, realizado en colaboración co grupo Neurocom da Universidade de A Coruña, demostrouse que “o exercicio físico desenvolto no medio acuático provoca un estancamento do avance da enfermidade e unha mellora a nivel físico e psíquico na poboación parkinsoniana”, subliña Cancela.

Os principais tratamentos existentes para o Parkinson son por un lado os farmacolóxicos e por outro intervencións como a neurociruxía, “as cales teñen efectos limitados e presentan certos riscos”. Neste contexto xorden novas estratexias complementarias como a práctica de exercicio que, a pesar dos seus resultados beneficiosos, “teñen unha falta de adherencia por parte dos pacientes”, engade José María Cancela, o que fai necesario a procura de outras terapias físicas “máis atractivas” como o exercicio acuático. Como aclara o investigador “estas actividades na auga son unhas das terapias con máis éxito entre a poboación afectada por enfermidades dexenerativas tanto polas propias posibilidades do medio, como pola forza hidrostática e a flotación, como polo seu carácter recreativo”.

O grupo de investigación, a través dunha mostra de vinte persoas pertencentes á Asociación de Parkinson-Bueu, quixo comprobar en primeiro lugar a posibilidade de realizar exercicios acuáticos con persoas que sofren esta patoloxía. “Demostrouse que non se dan interferencias co medio acuático que poidan prexudicar aos enfermos de Parkinson”. Unha vez cumprida esta premisa pasaron a avaliar os efectos positivos da actividade baixo a auga, valorando aspectos como a calidade de vida, a evolución da enfermidade, o grao de independencia en actividades da vida diaria e a condición física.

Melloras en todas as variables analizadas

Cunha duración de tres meses e un total de 25 sesións “dedicadas á mobilidade articular, traballos musculares aproveitando a resistencia da auga e desprazamentos en diferentes direccións” foron quen de comprobar que todas as variables analizadas experimentaron un cambio positivo. Aínda que os exercicios acuáticos non provocan unha diminución da enfermidade, si que se dá un estancamento da mesma, o que se traduce “nunha redución das complicacións no tratamento farmacolóxico”. A calidade de vida dos enfermos mellora, ademais das súas condicións físicas, “destacando a evolución observada na resistencia das pernas, incluso valores de forza en determinados grupos chégase a equiparar aos niveis de persoas sen Parkinson”, engade Cancela. Ademais, o desenvolvemento desta actividade fai que aumente no 12,5% o grao de independencia dos pacientes na realización de actividades diarias, pasando de 87,82 % a 98,86% de autonomía.

Outro aspecto destacable é a mellora psicolóxica e de autoestima dos enfermos, motivado por unha maior actividade e polo traballo en equipo. “Estes exercicios implicaban desprazarse, cambiarse de roupa, ducharse, rutinas nas que se axudaban entre eles o que provocou unha mellora das relacións sociais, xa que moitos estaban pechados nas súas casas”, comenta o investigador.

Fonte: http://duvi.uvigo.es

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: