Publicado por: ceercomunicaciencia | 05/11/2010

Os indicios recollidos na Campaña do Gran Burato confirmarían a presenza de gas na zona

Rematada a expedición, polo momento non se sabe en que cantidade nin en que modo.

Os investigadores emitirán un primeiro informe á Xunta de Galicia a finais de decembro.

Misión Galega do Gran Burato, así se chama a expedición científica que liderou a Universidade de Vigo e que na segunda quincena de outubro comenzou a estudiar en detalle unha superficie aproximada á de Galicia, pero a 140 kilómetros do litoral, para determinar se existe o volumen suficiente de hidratos de gas, un tipo de hidrocarburo, e se é factible a  súa explotación, a 1.700 metros de profundidade, cerca de onde reposa o pecio do Prestige.

Aínda non se sabe en que cantidade nin en que modo, pero os indicios recollidos durante a campaña do Gran Burato permitirían confirmar a presenza de gas na zona. Así o salientaron os investigadores do grupo Geoma, encargado da campaña, nunha comparecencia na que salientaron que, unha vez recollida toda a información que se precisa, agora toca unha longa etapa de análise, discusión e posta a punto dos datos, para plasmalos finalmente nun informe que se transmitirá á Xunta de Galicia, entidade que financiou a expedición, a finais do mes de decembro.

As inclemencias meteorolóxicas provocaron que a campaña fose máis curta do que se esperaba pero, pese a todo, “foi todo un éxito”, tal como salientou Daniel Rey, coordinador da expedición, que insistiu en que “de momento non hai practicamente datos, pero si un montón de material para analizar”. Para comezar, o primeiro que farán será un resumo de todas as actividades realizadas durante a campaña, “que en breve remitiremos á Xunta”.

Evidencias de escapes en toda a zona

Daniel Rey e Belén Rubio, os investigadores que estiveron a bordo durante a campaña, explicaron os detalles dunha expedición que se dividiu en dúas fases. A primeira, que se estendeu do 16 ao 25 de outubro, centrouse no estudo sísmico e, a segunda, específica para a realización de mostraxes, viuse moi acurtada debido ás inclemencias meteorolóxicas, “só durou 24 horas, aínda que foi bastante frutífera, xa que se puideron extraer numerosas testemuñas e arrastres”, subliñou Rey, ao tempo que explicou que o tipo de equipamento empregado, uns testificadores de máis de 7 metros e un peso de 1700 Kg, facía necesario que para facer un lance as olas non superasen os catro metros.

No referente a sísmica, os datos relevan que o Gran Burato é unha estrutura producida por un escape de gas de grandes dimensións, que posiblemente se producira en varias fases, pero a campaña permitiu coñecer que, ademais desta estrutura, hai outras dúas de similares dimensións máis antigas e logo multitude doutras estruturas moito máis pequenas da mesma orixe. “Toda a zona está chea de estruturas moito mais pequenas da mesma orixe, o que amosa e existencia de escapes de gas en toda a zona”, indicou Rey.

Estudos pioneiros a 2000 metros de profundidade por debaixo do sedimento

Os traballos realizados permitiron explorar ata o fondo do burato, situado a uns dous mil metros de profundidade por debaixo do sedimento, “unha zona da que ata estes intres non había información”, subliñaron.

Durante a expedición, ademais da zona do Gran Burato, de arredor duns 40 km cadrados, estudáronse tamén unha serie de zonas subsidiarias nas que se intuía que podía haber estruturas similares e que agora confirmaron que si o son, o que, a xuízo dos investigadores, fai necesario ampliar a zona de estudo“tal vez cinco ou seis veces”, suxeriu Daniel Rey, quen mencionou que, entre estas estruturas similares, hai outra de grandes dimensións, que xa bautizaron como “a orella”, debido á súa particular forma.

Con respecto ao tipo de material recollido nas testemuñas os investigadores salientaron que se trata sobre todo de fangos, “un material relativamente fino constituídos polas conchas duns organismos moi pequenos, algo moi típico destas profundidades e destas zonas” e, no relativo á fauna atopada, subliñaron que se trata da característica desas profundidades e que non apareceu fauna específica asociada a escapes de gas, “o que non significa nada, xa que está moi restrinxida ao lugar exacto do escape, algo difícil de localizar durante unha campaña tan curta”.

450.000 euros e 20 investigadores a bordo

A expedición, realizada a bordo do buque de investigación oceanográfico Sarmiento de Gamboa e financiada pola Consellería de Economía e Industria, tivo un custe total de 450.000 euros, dos que 150.000 se destinaron aos gastos da Universidade e 300.000 ao barco. En total participaron arredor de 20 investigadores nos que se inclúen, ademais dos membros de Geoma, profesionais das Universidades de Aveiro, do Instituto Español de Oceanografía e do Instituto Andaluz de Ciencias da Terra, un centro mixto pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas, CSIC, e á Universidade de Granada.

En canto a posibilidade de futuras prospeccións e perforacións, os investigadores subliñaron que o seu obxectivo limítase a determinar a presenza ou non de gas e avaliar as cantidades e modos nos que está presente, “non a determinar se hai xacementos explotables, xa que iso será unha petroleira a que o terá que facer a partir dunha serie de informacións que lle poidan servir para avaliar iso”, insistiu Vilas.

Fonte: http://duvi.uvigo.es/

Podes ler máis novas en: http://fceer.org

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: