Publicado por: ceercomunicaciencia | 28/10/2010

Cativos e maiores… a tempo de participar no Ciencia que Conta

Este sábado remata o prazo para enviar relatos.

Organizado por un equipo de profesores da Universidade, o concurso fomenta a cultura científica de forma lúdica.

Este sábado remata o prazo para enviar relatos ao concurso Ciencia que Conta que, ao abeiro da Semana da Ciencia, chega xa á súa terceira edición. O único requisito: botarlle ciencia e imaxinación a esgalla. A margarida enferma do xardín que precisa axuda da ciencia; os cans da casa como desculpa para explicarnos o que é un chip; vidas de mulleres por descubrir, por recoñecer o seu traballo, ás veces ocultas detrás dun home, ás veces refuxiadas no ámbito do privado… son só algúns exemplos das temáticas dos 120 relatos que se recibiron na anterior edición e que hoxe forman parte dun libro de relatos que se distribuíu por colexios e institutos de toda Galicia.

Organizado por un equipo de profesores da Universidade de Vigo, que conforman o proxecto Ciencia con todos, trátase de buscar un achegamento ao traballo científico e ao labor desenvolvido por científicos e tecnólogos, tarefas en xeral pouco coñecidas pola sociedade. “Esperamos que teña axudado a desenvolver actitudes favorables cara ás ciencias, ao establecer pontes entre o ensino formal e non-formal para así contribuír á alfabetización científica do alumnado e da poboación en xeral”, explica o profesor do Departamento de Física Aplicada, Pío González, un dos investigadores implicados “nunha iniciativa que é pioneira a nivel español”.

Mirada lúdica.
Baixo unha mirada lúdica de achegamento e comprensión da propia ciencia, o concurso vai dirixido ao alumnado de Educación Primaria e Secundaria, así como ao público en xeral. Deste xeito poderán participar todos os que, residindo en Galicia, se animen a achegarse a calquera aspecto ou ámbito da ciencia a través dun relato en galego dun máximo de 1000 palabras.

Xa que se trata de achegarse ao traballo científico, os relatos ou contos poden centrarse nun aspecto científico puntual ou na observación dun fenómeno ou experimento simple, pero o que non se buscan son relatos de ciencia ficción nin artigos sobre ciencia. Dende a organización ofrécense varios exemplos de contidos como punto de partida dos escritos: biografías, historias de ciencia sobre o xeito no se que inventou algo, descubrimentos, traballos de laboratorio ou exploracións de natureza ou mesmo experiencias persoais ou incluso caseiras, arredor de feitos simples ou observacións da vida cotiá.

Premios e prazos.
O prazo para presentar os traballos rematará o vindeiro 30 de outubro e os premios entregaranse nun acto público específico dentro da Semana da Ciencia que se celebrará no Museo do Mar o vindeiro día 20 de novembro. Esta gala de entrega de premios incluirá a proxección do documental Ciencia no camiño e a representación dunha obra de teatro na que se explica aos nenos que son os antibióticos, para que serven e que acontece cando se empregan mal, “ademais tamén se emitirá en directo o programa Efervescencia da Radio Galega”, subliñou González.

En cada categoría haberá tres premios, estando o primeiro dotado cun ordenador ultraportátil, e o segundo e o terceiro de lotes de libros, xogos e material diverso adaptado ás idades dos gañadores.

Fonte: http://duvi.uvigo.es

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: